Monday 20 de May de 2024

Última fin de semana de degustacións gratis de doces e empanadas locais en “Neda a petiscos”


“Neda a petiscos” entra na súa recta final. Esta fin de semana chegarán as últimas degustacións gratuítas de produtos das panaderías locais en distintos establecementos de hostalería da vila. Quedan aínda cinco oportunidades para que veciñanza e visitantes poidan saborear, acompañando ás súas consumicións, as empanadas, a bola e a proia subministradas polo concello.

A campaña municipal ideada para promocionar o pan de Neda e outras elaboracións dos fornos da vila e, ao tempo, incentivar a visita aos negocios de restauración despedirase, seguindo o esquema das semanas anteriores, con dúas catas na hora do almorzo e tres na do viño.
Así, o sábado pola mañá poderase saborear no café bar Oriental a proia preparada por Santa Rita. E na mesma xornada, ao mediodía, serviranse en Harina & Brasa anacos de empanadas variadas de Viuda de A. Romero e de Panadería Tito, e en O Carreiro Taberna, de La Gallega e de Confeitaría O Carrizo.

DERRADEIRAS CITAS

O domingo, xornada de peche desta singular ruta de sabores, será un bo día para os máis lambóns. Co café matinal, no bar Albarón poderase elixir entre a bola de ovo e a proia de J. Castro Hermanos. E no aperitivo, acompañando á bebida, no mesón O Recuncho (en pleno Camiño Inglés) haberá petiscos de empanada de Modesto Hermida e Panificadora Germán.

Dende o Concello animan a participar nas derradeiras citas de “Neda a petiscos”, unha iniciativa que nesta terceira edición contou co respaldo de 10 panaderías do municipio e de 16 locais de hostalería.

Deja un comentario